Orixinal modificado o 15 de novembro de 2000
Traducción actualizada o 19 de novembro de 2000 (Escríbeme se atopas algún erro)
Nota: Esta páxina foi escrita por Cari D. Burstein para expresa-lo sentimento no que se basea a campaña "Optimizado para Calquera Navegador". Se chegaches aquí a través dunha ligazón nunha páxina web que tiña o eslogan "Optimizado para Calquera Navegador" nun texto ou nunha imaxe, significa que o autor desa páxina está de acordo coa campaña e que está a participar no esforzo de desincentiva-lo deseño web específico para un navegador. Le o texto de embaixo para saber de que se trata, e para decidir se desexas participar.
"Unha persoa que pon a etiqueta 'esta páxina vese mellor co
Navegador X' nunha páxina web, semella estar cobizando os vellos
tempos, antes da Web, nos que se tiñan moi poucas posibilidades de
ler un documento escrito noutro ordenador, noutro procesador de textos, ou
noutra rede."
-- Tim Berners-Lee en Technology Review, xullo de 1996
Se chegaches a esta páxina, probablemente teñas curiosidade polo botón "Optimizado para Calquera Navegador" que había nela. Aquí está a miña explicación. Estou moi descontenta coa tendencia actual de deseñar páxinas web só para navegadores específicos, ignorando os outros. Anóxame visitar unha páxina web e comprobar que me rexeita se non a visualizo con Netscape ou Internet Explorer. Tamén é anoxante visitar páxinas web que permiten velas con calquera navegador, pero que se basean en gran medida en etiquetas manexadas só por uns poucos navegadores populares, ou non dan soporte para clientes en modo texto.
Gustaríame inverter esta tendencia. Sei que non podo cambia-la web eu soa, pero cada pequena contribución conta, e esta é a miña aportación para unha World Wide Web independente da plataforma e do navegador. Polo tanto, puxen o botón "Optimizado para Calquera Navegador" para salientar que tento crea-las miñas páxinas web de xeito que se poidan ver con tódolos navegadores, e que son totalmente funcionais. Algunhas páxinas pódense ver mellor nalgúns navegadores que noutros, pero deberían ser entendibles por calquera deles. Tento usa-las súas etiquetas específicas dun xeito apropiado, e só se hai unha boa razón para usalas; nos casos en que usei etiquetas que están soportadas só por algúns navegadores (como mapas de imaxe, marcos, Java, etc.), fixen o posible para utiliza-las opcións secundarias de HTML, ou para fornecer alternativas ós navegadores que non as soportan. Por favor, avísame se atopas algo nas miñas páxinas que non funciona no teu navegador (sé concreto indicando o programa que estás a usar e qué é o que non funcionou), e tentarei arranxalo.
Invito a quen queira unirse a este esforzo, a seguir adiante e copiar calquera das moitas imaxes feitas polos participantes na campaña, que están dispoñibles na páxina de Gráficos Any Browser. Se queres crear novas imaxes para a campaña, ¡faino! (e avíisame se podo pór esa imaxe para que estea dispoñible para os outros). Preferiría que ligases a imaxe a esta páxina, para que a xente poida saber de que se trata, ou que creases a túa propia páxina acerca desta campaña, pero se non queres tamén me parece ben.
Este é un exemplo do código html que podes usar (coas modificacións oportunas):
<p"><a href="http://www.anybrowser.org/campaign/anybrowser_gl.html"> <img src="camiño-á-imaxe/nome-da-imaxe" width="anchura-en-puntos-da-imaxe" height="altura-en-puntos-da-imaxe" alt="Optimizado para Calquera Navegador" /></a></p>
Nota: O mellor é que escollas unha das imaxes da páxina de Gráficos Any Browser, a copies ó directorio da túa páxina web, e modifique-lo código de enriba para adaptalo á túa configuración e a imaxe que escolliches. Non ligues directamente á imaxe no meu servidor, xa que iso fará máis lenta a carga da túa páxina, saturará o meu servidor, e se teño que move-lo ficheiro, a túa ligazón deixará de funcionar de súpeto.
Se prefires non poñer ningunha imaxe na túa páxina, pero queres facer ver á xente que está deseñada para funcionar con calquera navegador, podes engadir unha ligazón textual nalgunha parte dela que diga algo como "Vese Mellor co Teu Navegador Favorito" ou "Optimizado para Calquera Navegador" (ou o que ti queiras poñer para reflecti-lo obxectivo). Sería bo que ligases ese texto a esta páxina, ou que creases a túa propia describindo a campaña, de xeito que se alguén quere saber de que se trata, poida atopar máis información, e se cadra decida deseña-las súas propias páxinas para que sexan visibles por calquera usuario. Podes visita-la páxina de Gráficos Any Browser para buscar outros eslóganes feitos por participantes na campaña.
Hai dúas razóns principais para poñe-la imaxe e/ou o texto nas túas páxinas se as deseñas de xeito que sexan visibles con calquera navegador:
- Facer ver ós teus visitantes que estás a realiza-lo esforzo de que a túa páxina sexa usable por calquera.
- Motivar a outra xente para que deseñe as súas páxinas de xeito que sexan visibles en tódolos navegadores.
Creei unha Guía de Deseño de Sitios Accesibles, na que se atopan diversas cuestións sobre a accesibilidade dunha páxina web, e como facer que a túa páxina sexa o máis accesible posible. Isto non é unha guía HTML, pero axudarache a saber cales son os problemas de accesibilidade nas páxinas web, e darache consellos para enfrontalos. Asegúrate tamén de visita-los sitios listados embaixo para obter máis información.
Se pasaches por sitios que non eran accesibles e gustaríache motivar ós seus autores para que fagan que sexan visibles con calquera navegador, é unha boa idea enviarlles unha mensaxe. Hai algunhas cartas de exemplo dispoñibles nesta páxina.
Agardo que te unas ó esforzo para desincentiva-lo deseño web específico para un navegador, e axudes a protexe-la liberdade de escolla para tódolos usuarios da web.
Se tes algunha pregunta, comentario ou suxestión, envíama.